Friday 19 de April de 2024

Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Paderne, Oza-Cesuras e Sada logran 346.000 euros da Xunta para promover un novo taller de emprego


Nesta ocasión, poñerase en marcha “Reserva de Biosfera: emprego forestal”. A elección desta temática non é casualidade. Nos últimos anos, detectouse un déficit de persoal cualificado na xestión de montes.

A xeración de emprego vinculado á Reserva de Biosfera acaba de obter o respaldo económico da Xunta. Os Concellos de Abegondo –como coordinador-, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada acaban de recibir a comunicación do financiamento de 346.446 euros concedida para o taller de emprego “Reserva de Biosfera: emprego forestal”.

Trátase dunha acción destinada a 20 persoas en situación de desemprego. Neste caso, obterían formación relacionada ao ámbito forestal. A elección da temática non é casualidade. De feito, nos últimos anos, detectouse un gran déficit de persoal cualificado en xestión de montes.

A iniciativa terá carácter dual e ofreceranse incentivos ás empresas do territorio para a contratación do alumnado. Abarcará un período de nove meses.

Como parte do programa formativo, realizaranse diversas actuacións de interese veciñal nos municipios participantes. Dentro das intervencións, inclúense traballos de repoboación, mellora e valorización de leiras forestais, limpezas e acondicionamentos de camiños e conservación de zonas verdes, entre outros.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destaca que a realización de obradoiros para apoiar a inserción laboral é unha “acción prioritaria cada ano”. O Concello traballa cada ano xunto con outros concellos para emprender a iniciativa.